Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

23 y 24 de mayo de 2024

Consello da Cultura Galega

Nunha Europa da posguerra caracterizada pola numerosa poboación desprazada por motivos políticos e económicos, as diversas confesións trataron de ofrecer os seus servizos para velar polo coidado de emigrados e refuxiados. Seguindo o ronsel dos cuáqueros e do American Friends Service Committee, premiado en 1947 co Nobel da Paz, a Igrexa católica conformaría nos anos seguintes algunhas iniciativas consagradas especificamente a esa tarefa, como a fundación en 1951 da International Catholic Migration Commission (ICMC) ou a promulgación ao ano seguinte da constitución apostólica Exsul Familia. A iniciativa dalgúns dirixentes republicanos e bispos franceses para ofrecer auxilio aos exiliados católicos españois tivera como resposta en 1949 unha primeira chamada de atención da Igrexa española respecto aos «seus» emigrados. Dous cardeais de orixe galega, Fernando Quiroga Palacios e Benjamín de Arriba y Castro, exercerían como primeiros presidentes da Comisión Episcopal de Emigración, constituída oficialmente en 1954, dous anos antes da fundación do Instituto Español de Emigración. En 1958, a XVIII Semana Social de España, realizada en Vigo, centraría toda a súa atención nos «problemas da emigración española»; ao ano seguinte, na mesma cidade, tería lugar o XIII Congreso Internacional do Apostolado do Mar, mentres que na Coruña se realizaría o II Congreso Nacional de Emigración. Só uns anos despois, a dinámica posconciliar manifestaría un notable cambio de perspectiva respecto ao fenómeno migratorio, que, incidindo na reivindicación social e política, acabaría xerando conflitos entre a Igrexa e o réxime ditatorial. Así, o papel relevante xogado por Galicia no ámbito migratorio pode constatarse no contexto eclesiástico, tanto polas súas repercusións nas diversas comunidades da emigración española como polas súas redes de conexión co acontecido neses anos naquela Europa da longa posguerra.