Relendo a historia do franquismo desde unha óptica de xénero

Pola súa participación política, pola súa condición de nai ou muller de “esquerdistas”, por formar parte da rede de axuda aos fuxidos, por reproducir no fogar o modelo ideal do réxime de “nai e esposa”, por formar parte tamén da “orde moral” do franquismo exercendo a prostitución… No golpe militar de 1936, na Guerra Civil e no franquismo, son moitas as frontes nas que a muller xogou, dun xeito ou doutro, un papel propio. No libro Nuevas perspectivas en el estudio de la mujer durante el franquismo, un grupo de oito historiadores e historiadoras, encabezados polos profesores da Universidade de Vigo Julio Prada e Jesús de Juana, mergúllase nese período para, a partir de nomes propios e historias concretas, facer un percorrido e visibilizar a historia das mulleres no franquismo. Entre os diferentes aspectos abordados, no estudo da represión sobre as mulleres en Galicia “demóstrase a natureza sistemática e integral da mesma”.

A publicación, editada por Sílex Universidad, constitúe segundo os seus responsables “unha obra conxunta que dá boa mostra das novas perspectivas investigadoras que sobre a muller levamos xa tempo desenvolvendo no seo do grupo de investigación HC1 da Universidade de Vigo”. Deste xeito, o libro, que se enmarca no proxecto A represión franquista sobre as mulleres. Galicia (1936-1953) financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, recolle traballos de investigación de, ademais de Julio Prada e Jesús de Juana, de Domingo Rodríguez, Alejandro Rodríguez, Adrián Presas, María Jesús Requejo, Ana Cebreiros e María Concepción Álvarez. Ao longo das súas páxinas, estes expertos e expertas abordan as temáticas da represión sobre as mulleres en Galicia; as mulleres nas cárceres franquistas; a violencia sexuada sobre as mulleres na retagarda franquista; as mulleres nas redes de apoio á resistencia armada; o modelo conservador da muller na Segunda República, centrando a análise no semanario Ellas, e a súa adaptación ao discurso político e social da ditadura; o paradigma da muller franquista “de nai e esposa” e as prostitutas legais e clandestinas na Galicia dos anos 30 e 40.

Ler a nova completa no DUVI