A historia mira cara o hoxe para “repensar a nosa propia sociedade”

“Necesitamos repensar a nosa propia sociedade, que é moi rica e cambiante, para situarnos ante ela”, sostén a profesora emérita da Universidad de Salamanca Josefina Cuesta que, na xornada previa á súa participación na XXXV Semana Galega de Filosofía, visitou a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para falar dun ámbito de estudo do que é considerada unha das pioneiras en España, a historia do presente. Incidir no que a análise histórica pode achegar ao estudo e comprensión do momento e das sociedades actuais e tamén nas polémicas que rodean a perspectiva da historia que mira cara atrás para “pensar o seu propio tempo” foi o propósito central do relatorio que esta catedrática de Historia Contemporánea impartiu no campus na tarde deste martes, e no que a presentación da conferenciante correu a cargo do profesor Domingo Rodríguez Teijeiro.

“Tradicionalmente, entendíamos que a historia era a ciencia do pasado”, explicou Cuesta, catedrática de Historia Contemporánea, quen defende unha abordaxe “que xa fixeron os grandes historiadores no pasado” e que “se perdeu no século XIX”, a posibilidade de cada xeración “de repensar o seu propio tempo e a súa propia sociedade”. Fronte a algunhas “resistencias” que suscita esta disciplina, esta docente incidiu en que “nin a distancia nin o tempo” son as que achegan obxectividade a unha análise histórica, senón que esta vén dunha “metodoloxía rigorosa”, así como no valor que pode ter abordar “o que pode ser un proceso inacabado” desde a perspectiva histórica, xa que así “podemos pensar os procesos con outra profundidade” e observar “como se chegou a eles”.

Ler a nova completa no DUVI