A crónica dunha caída, a da destitución presidencial de Alcalá Zamora

Crónica de una caída: la destitución de Alcalá Zamora. El principio del fin. Con este título preséntase o primeiro libro do xa historiador Carlos Lozano, egresado da Facultade de Historia do campus de Ourense e actualmente alumno de mestrado da Universidade de Vigo. Froito do seu traballo fin de grao, nesta publicación o autor afonda na figura do presidente da Segunda República Española e do momento clave para o devir da historia de España como foi a súa destitución como presidente uns meses antes do inicio da Guerra Civil.

Publicado por Editorial Académica Española, o autor explica como o traballo de investigación que recolle o libro, titorizado polo profesor Jesús de Juana, “céntrase na destitución presidencial de Niceto Alcalá Zamora en abril de 1936, que supuxo un cambio na situación política”. Así, detalla Carlos Lozano, “a través das formas e dos intereses políticos que levaron á súa caída, pretendemos obter con este traballo unha visión máis completa das razóns e dos motivos que remataron con Alcalá Zamora fóra da xefatura estatal e coñecer a influencia desta destitución no golpe militar de xullo de 1936 e na posterior Guerra Civil”.

Acorde con este obxectivo, o estudo emprega, segundo apunta o seu responsable, “unha metodoloxía baseada nas memorias de diversas personaxes políticas implicadas no suceso e nos estudos dun amplo número de investigadores”. Completa o traballo “a análise dunha serie de xornais estatais e galegos (ABC, Ahora, El Pueblo Gallego, El Sol e La Voz de Galicia), de diversa índole política e dos que realicei unha serie de fichas hemerográficas incluídas na publicación”, tal e como explica o investigador.

Ler a nova completa no DUVI